Raíz histórica e social
O movemento da SGI ten a súa orixe na filosofía de Nichiren, monxe budista que viviu no Xapón no século XIII. Os ensinos de Nichiren afirman que cada persoa, máis aló da raza, o xénero, a capacidade ou a condición social, ten o potencial de superar os desafíos que se presentan na vida cotiá e de desenvolver unha existencia de gran valor e creatividade, e influír positivamente na comunidade, na sociedade e no mundo.
A filosofía de Nichiren remóntase aos ensinos de Shakyamuni, o fundador histórico do budismo, que viviu na India ao redor de 2500 anos atrás. Nichiren descubriu que o Sutra do Loto contén a esencia dos ensinos budistas e a verdade á cal iluminouse Shakyamuni. O sutra revela que o principio universal denominado "natureza de buda" é inherente a todas as formas de vida. Afirma que todas as persoas teñen a capacidade de manifestar a iluminación.
Nichiren cría firmemente que o budismo permitía ás persoas, que vivían no mundo real e enfrontaban problemas reais, extraer fortaleza e cambiar radicalmente o rumbo da súa vida. O budismo de Nichiren subliña a profunda conexión que existe entre a felicidade individual e a dos demais. A maior satisfacción persoal é a realización plena na vida, que se concreta a través de dedicar esforzos pola felicidade das persoas.

